Friday 03 de May de 2024

A Xunta inviste máis de 53.000€ na mellora de dous establecementos turísticos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte


Ovidio Rodeiro visitou o Hostal A Cruz en Muxía que recibiu unha achega de máis de 25.000 euros para levar a cabo a reforma das súas habitacións

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas da Consellería de Cultura e Turismo dun millón de euros, en concorrencia competitiva, para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento regrado da Comunidade.

O representante do goberno autonómico visitou o Hostal A Cruz en Muxía un dos beneficiados por esta orde cunha partida de máis de 25.000 euros para levar a cabo a reforma das súas habitacións.

Ovidio Rodeiro destacou que “na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibiron estas achegas un total de 2 establecementos turísticos de Fisterra e Muxía con axudas que superan os 53.000 euros”.

Na provincia beneficiáronse desta orde da Consellería de Cultura e Turismo máis de 18 establecementos cunha partida que supera os 320.000 euros.

A través delas, cubríronse investimentos dirixidos a accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.

Comprendeu, así mesmo, iniciativas de climatización que favoreceron a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento nas súas diferentes tipoloxías.

Foron beneficiarias destas subvencións os establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas do sector. Deberán acreditar unha antigüidade na actividade non inferior á cinco anos.

Ademais, entre os criterios de valoración estivo o grado de investimento, o impacto no emprego, o tamaño da entidade e que estean en posesión tanto dalgún certificado de calidade para o sector turístico como dalgunha certificación ambiental internacionalmente recoñecida. Finalmente, terase en conta que a empresas solicitantes teñan implementados un plan de igualdade ou de formación.

O investimento neto admitido por cada proposta foi de ata 100.000 euros. Os proxectos optaron a unha subvención de ata o 35% sobre o orzamento do investimento subvencionable. Polo tanto, o importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria foi de 35.000 euros. A porcentaxe de axuda calculouse en base a puntuación que acadaron. Así, entre 61 e 100 puntos recibiron o 35%, entre 41 e 60 o 30% e entre 20 e 40 o 25%.

Plan MAT
Esta orden de axudas inclúese dentro do novo Plan MAT do Goberno galego que, a través de cinco departamentos, ten como obxectivo de seguir configurando un destino máis competitivo e que aposta pola calidade. Así, están presentes a Presidencia da Xunta, a través de Amtega; a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e do Inega; a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina as diferentes accións; a Consellería do Medio Rural, a través de Agader, e a Consellería do Mar. A través das distintas liñas de axudas previstas e das numerosas actuacións que impulsará, estimulase a innovación, a accesibilidade e a dixitalización deste sector, que supón un piar fundamental da economía da nosa Comunidade

Por unha parte, búscase mellorar a oferta existente, dotándoa de máis e mellores servizos na procura da excelencia e a calidade. Por outra, configurar unha oferta axustada e especializada nos distintos territorios que son potencialmente interesantes pola súa vinculación ao medio mariño e pesqueiro, así como ao medio rural. Deste xeito, aspírase a un triplo obxectivo de dinamización, crecemento e empoderamento e profesionalización.

O Plan MAT prevé liñas para incentivar a oferta e dirixir o esforzo cara a consecución dun mellor tecido turístico que dea e manteña a vida en contornos naturais, maritimo-pesqueiros e rurais, cunha concepción da oferta feita desde o territorio, polo territorio e para o territorio. Na actualidade, considérase que a oferta é boa, pero precisa ampliarse a través de diferentes liñas de negocio ata acadar un sector máis forte e cunha oferta variada e profesionalizada.

As liñas estratéxicas do Plan MAT buscan a mellora estrutural da competitividade do sector turístico, a formación, calidade e actualización, a innovación e desenvolvemento e a comercialización e busca de sinerxías. Entre os seus eixos de actuación inclúense a valorización do medio/contorno, a eficiencia e mellora enerxética, a accesibilidade universal, con especial atención á igualdade, e a dixitalización e a sociedade do coñecemento.